::: Dinámicas para tutoría :::
Maores
Yolanda JB - http://www.educarueca.org / Lunes 10 de noviembre de 2008
   ::
 

Os invitamos a leer este interesante artículo que Manuel Dios Diz ha escrito en gallego. Para las personas que no domináis este idioma os sugerimos hacer un pequeño esfuerzo e intentarlo. Nuestra visión sobre la interculturalidad nos dice que tratar de utilizar, en alguna medida, esas otras lenguas tan cercanas, abre nuestra visión sobre las demás personas con las que convivimos y con las que ya compartimos muchas otras cosas.

María Dolores, para os seus amigos, Maores, Sergi e Lluís eran compañeiros do Instituto de Can Mas en Ripollet, na zona do Vallés Occidental, moi preto de Barcelona. Tiñan 14 e 15 anos. Maores e Sergi estaban na mesma clase, en 2º da ESO. Chateaban, coqueteaban, relacionábanse, vivían coa intensidade propia da primeira adolescencia...

Din que a rapaza estaba namorada do rapaz, que colgou un vídeo en Internet gravado co seu móbil, bicándose. Que a Sergi non lle gustou nada.. Que si tiña outra moza, que si foi pedirlle explicacións... Outros afirman que a Sergi gustáballe Maores. Que ela pasaba del... Amores e desamores xuvenís, na noite de Haloween, o día de tódolos santos, asasinada, con moita brutalidade, parece un pesadelo de película de serie b. Outra vez a realidade supera a ficción. Unha traxedia, unha nena morta e familias desfeitas.

Pero, semellante crueldade por unha traizón?, por rebelar un secreto?, por quedar en evidencia?, por celos?, por non ser correspondido?, por un desengano?...

Comentan tamén que Sergi visitaba a un psicólogo...

Nos chats alguén escribe: “pero está claro que ella se lo buscó”.... Moitas e moitos colegas replícanlle, berran o seu desacordo na rede, a indignación e a rabia.

Algúns buscan explicacións racionais a unha violencia tan desproporcionada entre mozos, amigos e compañeiros. Os expertos falan de amor non correspondido, frustración polo rexeitamento, incapacidade para encaixar unha desilusión, vergoña diante do grupo de iguais...

Sen dúbida que existen exemplos de reaccións violentas entre adolescentes diante do desamor, neste caso, un acto brutal dun mozo, o agresor, sobre unha moza, a vítima, mesmo cun suposto espectador presente, Lluís, o triángulo perfecto da violencia entre iguais, e ten, ademais, tódalas características da violencia de xénero que, por suposto, tamén existe entre mozos e mozas.

O machismo, a pouco que observemos, está presente nas relacións entre nenos e nenas. Desde moi cedo imos aprendendo, sobre todo, dos comportamentos que observamos, na familia e na vida. Son esas condutas que ás veces deixamos pasar, ou aquelas que incitamos ou mesmo das que rimos a graza, segundo os casos. E temos que desaprendelas...

O acontecido en Ripollet debe facernos reflexionar a todos: familias, profesorado, autoridades, medios de comunicación, comunidade educativa. A escola necesita, a berros, non so persoal especializado en trastornos de conduta, equipos de mediación e tratamento de conflitos, plans integrais de mellora da convivencia, senón tamén convencemento, convicción, interese, compromiso, colaboración, apoio social, implicación... e estratexias concretas, pero sobre todo o que necesitamos son tempos e espazos para xestionar a convivencia e os conflitos interpersoais.

Sempre me chamou a atención que dediquemos tantos anos de escolaridade a ensinarlle ó noso alumnado a resolver complesíximos problemas matemáticos, físicos, químicos... pero a penas minutos a aprender a buscar solucións pacíficas ós seus propios problemas de relación interpersoal, o máis que facemos, ás veces, é sorrir cunha mestura de paternalismo, añoranza e complicidade. Cando non despachamos o asunto dicindo : Iso non é cousa miña...

O bo amigo José Antonio Marina, cando estudaba o que el denominaba como “Nova Intelixencia” identificaba unha característica que a definía, por riba doutras, era precisamente, a capacidade de aprender a resolver conflitos. Mesmo dunha maneira certamente provocadora, interpelaba directamente ó profesorado e preguntaba ¿queredes centros educativos intelixentes ou estúpidos?. E concluía que a escola actual non é intelixente porque aínda non se toma o suficientemente en serio a xestión e a resolución pacífica dos conflitos de convivencia...

E nas familias deberíamos tamén reflexionar sobre as consecuencias nefastas, para xeracións, dunha educación aínda moi machista e sobreprotectora, sobre esa obsesión case que enfermiza por evitarlle ós nosos fillos a máis mínima frustración ou contrariedade. Foi a gran pedagoga italiana María Montessori (1870-1952) a que dixo que cando axudas a un neno máis do que o necesita, estás impedindo que medre...

Probablemente non podamos impedir que casos como o de Maores se repitan. Sen embargo, estaremos poñendo as condicións para que acontezan aínda moito máis excepcionalmente. E un dos contidos máis relevantes da educación para a cidadanía e os dereitos humanos é este, a solución pacífica de conflitos e a prevención da violencia de xénero.¿Como é posible obxectar?.

Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC. Preside o Seminario Galego de Educación para a Paz.



Esqueleto "epc_3c" para SPIP distribuido por ColeWebs.org | Diseño: joseluis | Copyleft